Sábado 27 Abril 2024

Tecnoloxía personalizada para o rural: “Se unha persoa maior se perde, o seu veciño pode saber onde está”

Un equipo de atlanTTic investiga a viabilidade de prestar servizos dixitais nas aldeas sen cobertura adaptados ás necesidades dos seus habitantes

 En Galicia existen núcleos poboacionais no rural aos que non chega a cobertura. Isto limita o desenvolvemento económico do lugar, impedindo que os cultivos e o gando se poidan monitorizar, por exemplo; pero tamén restrinxen necesidades básicas relacionadas cos coidados, como avisar a un veciño se unha persoa de idade avanzada cae ou se perde no monte. Para prestar este tipo de servizos ao rural nace o proxecto Digital4Rural, unha iniciativa do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, que ten como obxectivo demostrar a viabilidade do uso de tecnoloxías sen fíos de nova xeración. Na actualidade o equipo está a desenvolver un proxecto piloto en Trelle (Toén, Ourense) adaptado ás necesidades que solicitaron os potenciais usuarios. Dende a asociación de veciños solicitouse unha aplicación que permita ubicar nun mapa ás persoas maiores que en ocasións non lembran como regresar a súa casa ou que teñen unha doenza física. Deste xeito, “se unha persoa maior se perde no monte, o seu veciño pode saber onde está”, explica Iñigo Cuiñas, un dos investigadores do proxecto. 

 A proposta que parte do grupo de Sistemas Radio de atlanTTic baséase en LoRa, unha tecnoloxía para transmitir información de pouco peso que serve, por exemplo, para aplicacións de xeolocalización. “Non estamos falando de proporcionar vídeo baixo demanda nunha aldea remota, estamos a falar de servizos máis limitados en canto a cantidade de datos, pero que poden ser moi importantes para o desenvolvemento económico e social”, explica Cuiñas. A característica principal da aldea de Trelle é a súa mala cobertura. 

Publicidade

Os investigadores Manuel García e Íñigo Cuiña. Foto: atlanTTic

Os investigadores, antes de iniciar o proxecto, decidiron sentarse cos veciños para preguntarlles polas súas necesidades ou, mellor, para coñecer como viven e quen fan no seu día a día. Trelle está incorporada ao proxecto de Aldeas Modelo da Xunta de Galicia, que pretende atraer novas actividades económicas aos núcleos poboacionais máis afastados. A idea principal dos investigadores era colaborar cunha explotación de vacún, pero cando chegaron á aldea percatáronse de que non era unha proridade para os seus habitantes. 

Aproximadamente alí viven sobre 20 persoas, varias dunha idade superior aos 75 anos e que, en xeral, posúen bo estado físico. É xente activa á que lle gusta dar grandes paseos. “Dixéronnos que estaban pendentes uns doutros cando saían camiñar. Isto puidemos solucionalo poñendo unha estación base de LoRa nun punto central, que a asociación de veciños acolleu con entusiasmo e agarimo na súa sede”, explica Cuiñas. Desta maneira, o equipo de atlanTTic repartiu un dispositivo (como un mando de garaxe) que cando está acendido transmite unha posición GPS a unha base de datos central. O portador do mando pode pedir axuda presionando o botón. Mentres tanto, na sede, os veciños poden ver nunha tableta o mapa da contorna da aldea, que vai marcando a posición das persoas que portan os dispositivos e se están movendo. A maiores, o equipo desenvolveu unha aplicación para móbiles, “para que a persoa que saia camiñar saiba onde está a súa parella”, contan os investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. 

Axuda á dependencia e autonomía 

“Ao mellor para un ámbito urbano parécenos moi invasivo, pero para eles é tranquilidade porque é un risco vivir só”, continúa Cuiñas. LoRa non está deseñada para establecer comunicacións, pero proporciona unhas coberturas bastantes grandes que abranguen ata 20 quilómetros. O proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia a partir dos Fondos NEXT Generation EU, pretende axudar á dependencia e autonomía destas persoas. 

Cando os investigadores pensaron o proxecto manexaban unha variedade de posibles aplicacións, como o monitoreo do gando ou dos depósitos de auga que abastezan o concello ou o despregue de sensores en cultivos e viñedos. “As necesidades son distintas entre concellos e mesmo entre aldeas. En Trelle pedíronnos que aínda que non tivesen a aplicación activa chegase unha notificación ao seu móbil no caso de que o seu veciño ou parella dese unha alarma. Imos adaptarnos ao que nos demanden, é un carácter importante deste proxecto. Primeiro preguntamos”, alega o investigador Manuel García Sánchez

A aldea de Trelle está colaborando activamente e os investigadores reciben unha participación moi entusiasta pola súa parte, o que lles está a axudar a sacar adiante o proxecto. Unha das vantaxes que sinala Manuel García é o baixo custo desta tecnoloxía. Mentres que as compañías telefónicas teñen que gastar grandes cantidades de diñeiro en proporcionar servizos a unha aldea, a tecnoloxía de LoRa resulta moito máis barata. O grupo de atlanTTic púxose en contacto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) para coñecer os núcleos poboacionais que non teñen cobertura de telefonía móbil e están a manter conversacións con eles. O proxecto remata o vindeiro novembro pero, segundo alegan os investigadores, a idea é amplialo para facer a despregadura noutras aldeas da mesma tecnoloxía con aplicacións similares, ou específicas para cadansúa. 

“Estes sistemas permiten un desenvolvemento económico, como instalar unha explotación de gandaría extensiva, o que axuda a atraer a máis persoas. Isto xera interese económico e político. A alcaldía pode promocionalo no concello, que desemboca nun beneficio para a rexeneración das aldeas e das vías públicas. Falamos do problema da España baleirada pero as solucións comezan por prestar servizos aos habitantes. O investimento que fagan terá retorno. Non vas marchar da cidade a unha aldea con menos oportunidades”, explica Cuiñas. De aquí a un ano, o equipo pretende extraer a información técnica e “real” para identificar as propias limitacións desta tecnoloxía, para poder proporcionar aplicacións a algunha institución ou empresa que decida dar o paso para aportar este tipo de servizos.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Hola:

    Contactamos desde el despacho especializado en optimización fiscal y contabilidad.

    El cambio de normativas y el desconocimiento en el área fiscal son los dos principales riesgos que enfrentan las empresas españolas actualmente. En los últimos 15 años, hemos colaborado con empresas como la tuya ofreciendo un asesoramiento experto contable y fiscal a medida.

    Por ello, nos gustaría proponerte un estudio de tu situación con uno de nuestros especialistas. Durante esta semana, no tendría ningún coste para ti el análisis.

    ¿Podrías facilitarme un número de teléfono?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Como rexistrar a túa marca? Este proxecto de atlanTTic axudará a resolver as túas dúbidas

Unha ferramenta baseada na intelixencia artificial filtrará a sección de preguntas frecuentes sobre propiedade intelectual dun organismo da Unión Europea

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura